1. Con carácter xeral, para o acceso a un programa oficial de doutoramento será necesario estar en posesión dos títulos oficiais españois de grao, ou equivalente, e de máster universitario ou equivalente sempre que se superasen, polo menos, 300 créditos ECTS no conxunto destes dous ensinos.

2. Así mesmo, poderá acceder quen se atope nalgún dos seguintes supostos:

  • Estar en posesión dun título universitario oficial español, ou doutro país integrante do Espazo Europeo de Educación Superior, que habilite para o acceso a máster de acordo co establecido no artigo 16 do RD 1393/2007, do 29 de outubro, e ter superado un mínimo de 300 créditos ECTS no conxunto dos estudos universitarios oficiais, dos que, polo menos 60, deberán ser de nivel de máster.
  • Estar en posesión dun título oficial español de grao, cuxa duración, conforme a normas de dereito comunitario, sexa de polo menos 300 créditos ECTS. O alumnado con esta titulación deberá cursar, con carácter obrigatorio, os complementos de formación requiridos polo programa, salvo que o plan de estudos do correspondente título de grao inclúa créditos de formación en investigación, equivalentes en valor formativo aos créditos en investigación procedentes dos estudos de máster.
  • As persoas con titulación universitaria que, previa obtención de praza en formación na correspondente proba de acceso a prazas de formación sanitaria especializada, teñan superado con avaliación positiva polo menos dous anos de formación dun programa para a obtención do título oficial dalgunha das especialidades en Ciencias da Saúde.
  • Estar en posesión dun título obtido conforme a sistemas educativos estranxeiros, sen necesidade da súa homologación, previa comprobación pola universidade de que este acredita un nivel de formación equivalente ao do título oficial español de máster universitario e que faculta no país expedidor do título para o acceso a estudos de doutoramento. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo do que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento para outros efectos agás o acceso a ensinos de doutoramento.
  • Estar en posesión doutro título español de Doutor obtido conforme a anteriores ordenacións universitarias.
  • Estar en posesión dun título universitario oficial que obtivera a correspondencia ao nivel 3 do MECES, de acordo co procedemento establecido no RD 967/2014 do 21 de novembro, polo que se establecen os requisitos e procedementos para a homologación e declaración de equivalencia a titulación e a nivel académico universitario oficial e para a convalidación de estudos estranxeiros de Educación Superior; e o procedemento para determinar a correspondencia aos niveis do MECES das titulacións oficiais de arquitectura, enxeñaría, licenciatura, arquitectura técnica, enxeñaría técnica e diplomatura.

3. O estudantado que iniciara o seu programa de doutoramento conforme a anteriores ordenacións universitarias poderá acceder aos estudos de doutoramento regulados polo RD 99/2011, previa admisión de acordo ao establecido no Regulamento de estudos de doutoramento da Universidade de Vigo. En todo caso, deberá reunir os requisitos establecidos con carácter xeral para o acceso a estudos de doutoramento regulados polo RD 99/2011.

4. Poderán acceder a estudos de doutoramento o estudantado cunha licenciatura, arquitectura ou enxeñaría que estea en posesión do Diploma de Estudos Avanzados obtido de acordo ao disposto no RD 778/1998, do 30 de abril, ou que alcanzasen a suficiencia investigadora regulada no RD 185/1985, do 23 de xaneiro.

5. Poderá acceder aos estudos de doutoramento as persoas coa titulación oficial de licenciatura, arquitectura ou enxeñaría que estean en posesión dun título de máster oficial conforme ao RD 56/2005 ou ao RD 1393/2007, modificado polo RD 861/2010, ou que superara 60 ECTS de estudos de master oficial.

6. Tamén poderán acceder aos estudos de doutoramento as persoas cunha titulación oficial de diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica que acrediten superar 300 créditos ECTS no conxunto de estudos universitarios oficiais, dos que polo menos 60 sexan de nivel de máster universitario.