I Xornadas

Unha das actividades do programa do «Doutoramento en Comunicación» previstas para o 2015 era a organización dunhas «Xornadas» nas que se presentarían os resultados das investigacións que estivesen levando a cabo os doutorandos de segundo ano, e de maneira opcional, os de primeiro ano. Presentados os seus plans de investigacións e avaliadas as actividades formativas que estes desenvolveron ó longo do curso académico, o evento académico de onte luns representaba a culminación do traballo levado a cabo ata este momento.

Baixo o paraugas do rótulo xenérico de «Estratexias de comunicación para novos públicos e novos espazos», quince comunicacións dos máis diversos ámbitos deste vasto e complexo campo de estudo foron presentadas seguindo as formas convencionais do ritual académico de congresos e encontros científicos: vinte minutos de exposición e dez minutos de debate moderado. O salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución deu acollida dende as nove da mañá ata as oito do serán ós relatorios destes estudantes de variado background formados en universidades galegas, portuguesas e americanas.

Os títulos das comunicacións sometidas a discusión poden consultarse no programa do pdf anexo. Unha reseña do acto, que contou para a inauguración coas palabras do profesor García Pino, director da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO), pode verse no DUVI do 6/7/2015. O evento, gravado polos servizos técnicos da UVigotv estará dispoñible en breve na súa mediateca. As actas, en versión impresa, está previsto que sexan revisadas e editadas por profesores do programa de doutoramento e publicadas pola Universidade de Vigo.  

http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=10183&Itemid=3

http://tv.uvigo.es/es/library/channel.html